O caché está colocado no Campus de Elviña da Universidade da Coruña, entre a Facultade de Informática (FIC) e a Casa do Lagar. Colocamos aquí este caché, ao igual que o de UDC – Facultade de Filoloxía, xa que un de nós estudou neste centro.
A parroquia de San Vicente de Elviña, situada ao sur do Concello da Coruña, está coroada polo Castro de Elviña, poboado fortificado en que se atoparon múltiples restos das xentes que o habitaron desde o século III a.C. até o século VI d.C. Ademais, no Castro de Elviña tamén tivo lugar a coñecida “Batalla de Elviña”, contra a invasión napoleónica no ano 1809. Nela participou e morreu o xeneral inglés Sir John Moore, ao cal se lle dedicou un monolito que se encontra a escasos metros do caché (ao lado dunha parada de autobús).