Traducción automática - Castellano Machine translation - English
Extremo norte
Este caché está no punto máis setentrional de Galicia e tamén é o extremo norte da península Ibérica, na Estaca de Bares.
Lugar de Importancia Comunitaria (LIC)
A península, entre os ríos Sor e Esteiro, ten un alto valor ecolóxico e por iso está incluída na Rede Natura 2000, sendo un lugar excepcional para a observación ornitolóxica e de cetáceos. É paso obrigado para centos de miles de aves. A este punto conducen varias rutas migratorias de especies mariñas e terrestres procedentes do Atlántico, o Mediterráneo e o Ártico. As valoracións máis optimistas acadan cifras que exceden os dous millóns e medio de exemplares que pasan por aquí voando cara ao oeste. É o lugar ideal para observar non só aves como, por exemplo, o mascato, senón tamén cetáceos en augas próximas.
Son frecuentes os alcatraces, as pardelas, as alcas, os paíños e os carráns, estes poden chegar a pasar 700 aves por hora no mes de setembro. Entre os mamíferos mariños destaca o arroaz, algúns caldeiróns e tamén se deixa ver o rorcual.
A intervención do home nesta zona foi ao longo de toda a historia moi limitada, o que permitiu que conserve en gran medida a súa integridade orixinal. A fronte litoral occidental e setentrional, está constituído por formacións acantiladas de alto valor natural e cunha enorme capacidade expresiva, configurando unha paisaxe inhóspita, dura e salvaxe, que desafía ao mar aberto co dramatismo dos enfrontamentos épicos entre grandes forzas contrapostas. No extremo setentrional, a Punta de Estaca de Bares penetra no mar buscando o norte sobre paredes verticais de pedra que acaban por afundirse no auga, disgregándose en pequenos illotes como os restos dun naufraxio.
Tamén está clasificada como Zona de Especial Protección dos Valores Naturais pola Xunta de Galicia, Espazo de Interese Xeomorfolóxico e Taxón.
Faro de Estaca de Bares.
Situado en pleno corazón das rías altas, sobre o cabo que serve de entrada á ría do Barqueiro é o faro máis setentrional de toda a península. Está emprazado nunha meseta chamada Ventueiro, sobre un montículo que, a súa prolongación forma a chamada "Punta de Estaca de Bares", da que recibe o nome e que é a fronteira imaxinaria entre o Océano Atlántico e o Mar Cantábrico. Os seus antecedentes históricos comezan no ano 1846 cunha proposta de establecemento de dous novos faros, un en Fisterra e outro no cabo Ortegal. Consultada a opinión dos mariñeiros e prácticos, cámbiase o lugar previsto en Ortegal por un faro de primeira orde na Estaca de Bares e ordénase a confección dos proxectos, formando parte do Primeiro Plan de Alumeado das Costas Españolas. Elaborado o proxecto polo enxeñeiro Félix Uhagón, comezan os trabados no mes de decembro de 1849, baixo un continuo e
forte temporal. O seu custo foi de 131.830 reais. Nos meses de xuño e xullo seguintes colocouse o equipo óptico, e despois de acenderse para facer as probas necesarias, empezou a alumear definitivamente o 1 de setembro de 1850, coa aparencia de luz branca xiratoria con eclipses de minuto en minuto.
Estaba servido por tres torreiros, primeiro ou maior, segundo e terceiro. Tiña unha lámpada mecánica Sautter das do tipo de reloxería, composta de varias partes: a máquina, o depósito de aceite, o corpo da bomba, os tubos de ascensión e o chisqueiro. Este último era de cinco mechas e utilizou ó longo do tempo como combustibles o aceite de oliva, a parafina e o petróleo. Funcionou deste modo ata o 20 de agosto de 1905. Salvo a modificación do carro circular realizada no ano 1861, segundo o proxecto de Lucio del Valle para minorar os desgastes das pistas de rodamento, apenas tivo outras reformas. O 16 de setembro de 1948 entrou no servizo unha nova máquina de reloxería, co que aumentou a súa velocidade para dar a aparencia de luz variada de lampexos cada 10 segundos. O Plan Xeral de Obras Públicas do 1939 aprobaría a súa electrificación e a instalación dunha lanterna aeromaritima e unha sirena, o que suporía un cambio substancial na habitabilidade e no aspecto externo. O proxecto data de maio de 1949 e a súa execución deu como resultado o aspecto que hoxe ten o faro.
Coa adopción do faro, pola Autoridade Portuaria de Ferrol - San Cibrao en 1993, instalouse un equipo luminoso completamente novo. Tamén foi monitorizado na súa totalidade para ser supervisado dende o Centro de Control situado no porto de Ferrol. No ano 1998 elimínase o radiofaro circular LB -100 e instálase unha estación de DGPS de referencia para Datum WGS84 que se atopa funcionando na actualidade. No ano 2003 realizouse unha importante rehabilitación e mellora do seu aspecto exterior. No ano 2005, Portos do Estado, instalou unha estación base AIS (Automatic Identification System), da cal a súa principal función é dar información a un centro de control sobre os buques que navegan pola zona.
Base LORAN
Neste cabo tamén existen instalacións militares abandonadas. Unha delas era unha instalación dos Gardacostas dos Estados Unidos desde principio dos anos 60, como unha base LORAN (do inglés: Long Range Aid to Navigation). A estación de Estaca de Bares operaba conxuntamente coas estacións do Goberno Británico en East Blockhouse, Gales e, ata 1973, do Goberno Francés en Pospoder, Francia. En 1978, trala finalización das operacións LORAN dos Gardacostas, a Forza Aérea dos Estados Unidos asumiu o control da base. A base funcionou como unha estación de comunicacións ata 1991. Na actualidade, estas instalacións están abandonadas e en ruínas.
Extremo sur
Tamén podes ir á latitude más ao sur de Europa facendo Geocaching e visitar Al sur de Europa en Traifa (Cádiz), un caché de >fetiche< algo máis vello que o Extremo norte e con moitísimas máis visitas e favoritos.