Abeleira
ATENCIÓN: Exclusivamente en horario de 7 a 23h.
ANGIOSPERMAE / FAGALES / BETULACEAE
NOME CIENTÍFICO: Corylus avellana L.
OUTRAS DENOMINACIÓNS: abeleira, abelaneira, abraira, avellano.
ETIMOLOXÍA: CORYLUS: do grego CORYS: casco, pola forma da envoltura dos froitos deste xénero; ABELLANA: vila italiana do mesmo nome, onde se cultivaba en abundancia esta especie.
DESCRICIÓN: Arbusto ou pequena árbore monoica de ata 9 m. Raíz principal penetrante e raíces secundarias numerosas e horizontais. Tronco curto e dereito. Cortiza parda - grisácea, algo avermellada e lisa cando nova, que cos anos vai escurecendo e gretando. Copa baixa, irregular-ovoide, ampla e pouco densa.
Follas de 5-10 x 5-10 cm, caedizas, simples, alternas, rugosas e ásperas ao tacto, curtamente pecioladas, provistas de estípulas, arredondadas, dobremente serradas, bruscamente estreitadas en punta no ápice, acorazonadas na base e de cor verde, pubescentes na face, tomentosas no envés.
Flores unisexuais, as masculinas núas, amarelentas ou verde claras, solitarias na axila de cada bráctea, con 4 estames de filamentos bífidos, agrupadas en amentos de 3-9 cm, cilíndricos e colgantes, reunidos por 2-5 formando un pequeno feixe. As femininas avermelladas, reunidas por 2 na axila de cada bráctea, con envolta floral sepaloidea moi reducida e ovario ínfero de estilo curto e 2 estigmas divididos ata base en 2 longas ramas vermellas, reunidas en grupos de 2-6. O froito é un aquenio (abelá) de 1,5-2 cm, cor parda - avermellada, ovoide ou globoso, rodeado dun involucro herbáceo (casco), tan longo como o aquenio, cos bordos dentados ou laciniados, primeiro cor verde pálida, despois acastañado. Os froitos agrúpanse de 1-4. Semente moi rica en aceite. Madura a final do verán ou a inicios do outono.
FLORACIÓN: Florece precoz, entre xaneiro e abril. A polinización é anemógama.
ORIXE: Orixinaria de Europa, Asia Menor e norte de África.
HÁBITAT: Habita en lugares sombríos e frescos de vales e barrancos á beira dos regatos, en alisedas e en bosques mixtos caducifolios.
LOCALIZACIÓN: Predomina nas rexións media e montana. Na zona costeira atópanse exemplares solitarios ou en pequenos grupos.
USOS: Especie rústica pero con importancia económica que acompaña ao home dende tempos moi antigos, cultivada polas sementes que son comestibles e de utilidade en repostería e polas varetas que se empregan en cestería e tonelería. Da semente extráese un aceite que se usa como alimento, como lubricante industrial, para o alumbrado e na elaboración de perfumes, pinturas e xabrón.
OBSERVACIÓNS: A cortiza en cocemento ten propiedades astrinxentes, o polen ou os amentos masculinos en infusión utilízanse como sudorífico e as follas teñen propiedades vasoconstrictoras. Tamén se ten utilizado para fixar ladeiras húmidas.
Fonte documental: Niño Ricoi, H. (Autor), e Silvar, C. (Ilustrador) (2001) Guía das árbores de Galicia A Coruña: Baía Edicións
O caché
Na ubicación publicada un autor fala das abeleiras (século XIII, 12N0 - 128A)
As coordenadas finais son: N 42º 52.3A7 W 008º 31.7N0