Ruta dos carpinteiros cos pés mollados - 2
A gran variedade de tipoloxías é, en comparanza coas restantes flotas europeas, unha sorprendente característica das embarcacións tradicionais galegas.
Na intensa relación de Galicia coa costa e os ríos, varios foron os factores que provocaron esta rica diversidade tipolóxica. Dunha banda, a necesidade de adaptar as embarcacións ás diferentes características das rías ou da costa de mar aberto. Doutra, a súa adecuación aos diferentes traballos de pesca ou transporte de persoas e mercadorías a que eran destinadas; no caso da pesca fóronse ademais axeitando ao longo do tempo ás diferentes artes e aos diferentes mares nos que ían traballar.
A esta continua mudanza e adaptación ás necesidades, cómpre tamén engadir a influencia recibida, nesta encrucillada marítima que é Galicia, das diferentes culturas atlánticas e mediterráneas que a través do mar chegaron ao longo da historia ás nosas costas coas súas embarcacións.
A carpintaría de ribeira
A continua adaptación das embarcacións ás diferentes necesidades foi posible grazas á experiencia e pericia dos carpinteiros de ribeira, posuidores dun saber facer que, en moitos casos transmitido de xeración en xeración, chegou aos nosos días. A construción de embarcacións en Galicia, amais de ter unha longa tradición, chegou a ser un sector industrial punteiro.
As instalacións onde actualmente se constrúen os barcos reciben en xeral o nome de estaleiros, aínda que aquelas que unicamente fan embarcacións de madeira seguindo os métodos tradicionais de construción reciben o nome de carpinterías de ribeira, porque de sempre estiveron instaladas preto da liña de auga, na ribeira, de aí o seu nome e por este motivo son os "carpinteiros cos pés mollados".
Hoxe en día, o saber facer nas carpinterías de ribeira e os diferentes tipos de embarcacións tradicionais, conforman unha parte esencial do noso patrimonio marítimo e fluvial, polo tanto, da cultura galega.
As partes básicas dun barco

Xuntas "a tope" ou "calime"
As embarcacións con xuntas a tope están construídas mediante listóns de madeira fixados a unha estrutura interna de cadernas. Nas construcións en calime os listóns solápanse lonxitudinalmente nos seus bordes.

Os tipos de velas

Fonte: Culturmar. Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial
O caché
N 42 47. Forro / Bauprés / Casco
W 008 55. Cangrexa / Popa / Calime