Os carpinteiros cos pés mollados – 10
Continuando a liña de costa atopamos os restos do taller onde traballou durante moitos anos unha importante familia de mestres carpinteiros, a familia Ríos, veciña da aldea próxima de Cerzón, tamén na parroquia de Sabardes. Este taller atopábase nos lindes da praia de Siavo, só se conservan os restos da rampla de lanzamento. Igual que a maioría dos talleres da enseada de Broña, tiña a rampla orientada cara ao interior da mesma para protexerse dos temporais do sur. Do mesmo xeito que os restos dos talleres do Cacharulo e o Barqueiro, situados tamén nesta parroquia do Freixo, os restos da rampla de lanzamento deste taller gozan do amparo que outorga formar parte do catálogo de bens de especial protección incluído no PXOM do concello. Ten a clave de identificación OC-23.
Neste taller desde 1880 construíronse galeóns, lanchóns, lanchas, balandros, gamelas, unha dorna, unha traiñeira, 25 botes, 51 lanchas, 12 bucetas e 7 veleiros.
No balandro Joaquín Vieta aínda se pode navegar hoxe.
A carpinteria de ribeira e os estaleiros no Concello de Outes, Xoán F. García Suárez. Ed. Toxosoutos, 2008
Mar de Outes. Berce dos carpinteiros de ribeira galegos, Santiago Llovo Taboada. Ed. Meubook, 2016