Os carpinteiros cos pés mollados – 22

BOTE
A orixe da palabra atopámola no inglés antigo bāt. Actualmente é un termo moi estendido que aparece por toda a Península Ibérica e que normalmente fai referencia a unha embarcación pequena, a remo ou vela, coa proa bicuda e formas variables na popa sendo frecuentemente recta. Unha definición baixo un concepto xenérico que aparece tamén en embarcacións de uso específico e morfoloxía moderna por exemplo, bote salvavidas.
O máis habitual é que o seu casco sexa redondeado e careza de cuberta, razón principal que o diferencia da lancha. As similitudes atopámolas tamén no seu pequeno tamaño cunha eslora entre 5 e 6 metros. A popa pode ser redonda pero o máis común é a forma plana ou recta, chamada tamén popa aberta ou de espello.
No relativo á súa construción, os botes están feitos maioritariamente a "lume de biqueira", é dicir, a tope, en lugar de superpoñer as táboas que conforman o casco, estas van arrimadas e apertadas unhas contra outras, o máis habitual nas embarcacións galegas.
BUCETA
O certo é que a súa denominación varía segundo a zona na que nos atopemos. Na área da costa norte, da Coruña a Lugo, chámaselle tamén “perica” e na Ría de Muros e Noia coñécese como “canoa”. Estas acepcións responden a variantes construtivas que se enmarcarían dentro do termo máis común, o de buceta. Curiosamente, esta palabra describe, en portugués, a forma da embarcación vista desde arriba equiparándoa co órgano sexual feminino.
A buceta é unha embarcación tradicional simétrica, de dobre proa, que deriva da lancha aínda que a súa eslora é menor (5 metros aproximadamente) e o seu ancho máis uniforme. O seu deseño funcional débese precisamente a que a súa manga é curta en relación á súa eslora presentando un característico casco alongado e lixeiramente curvo e lanzado nos extremos. Os costados son lisos xa que están construídos “a lume de biqueira”, as táboas non van superpostas, senón arrimadas e apertadas unhas contra outras, o máis habitual na carpintería de ribeira galega.
É precisamente o seu pouco peso o que fai da 8uceta unha embarcación moi apta para o remo. As bucetas tamén podían ser impulsadas a vela aparecendo máis frecuentemente a relinga, a latina e a mística. A vela de relinga era habitual nos portos de mar aberto mentres que a latina de pico utilizábase sobre todo nas rías. A adaptación á contorna foi clave no seu desenvolvemento xa que se expandiu por todo o mapa litoral galego.
LANCHA
Todo apunta a que “lanchar” ten orixe malaio e indica rapidez e axilidade. Na península ibérica, a palabra lancha aparecería primeiro no portugués para embarcacións pequenas e rápidas. Esa primeira documentación lusa lévanos ao século XVI, concretamente ao ano 1540, cando se usa o termo para nomear aos barcos dos piratas locais.
Certo é que a característica de velocidade atribuída a este tipo de embarcacións mantense ata os nosos días continuando en denominacións como lancha rápida. Así se chamaron as primeiras planadoras de poliéster deixando claro que o termo continúa presente e que arraigou en Galicia máis que en calquera outro sitio.
Ademais, a lancha foi a máis difundida de todas as clases tradicionais de embarcacións. Segundo o estudoso Staffan Mörling, dela derivan barcos de menor tamaño como as bucetas e bótelos pero tamén embarcacións de maior porte como os galeóns e os trincados.
Para recoñecer esta tipoloxía témonos que fixar na súa estrutura de tope (as táboas do casco van apertadas unhas contra outras) con cuberta, na simetría da súa dobre proa e na súa velame. O uso da vela de relinga fixo que a estas embarcacións tamén se denominasen lanchas de relinga. Isto é, unha vela trapezoidal derivada dunha cruz armada de maneira asimétrica. Da particularidade do deseño da embarcación procede a súa idoneidade para pescar ao xeito.
Fonte: Bluscus Galicia Marinera