Os carpinteiros cos pés mollados - 24
Que é un Sancosmeiro?
O que primeiro que se nos vén á cabeza (nunca mellor dito) cando escoitamos falar do Sancosmeiro non é un barco senón un chapeu. Esta popular peza de artesanía, inmersa nun proceso de recuperación e valorización nos últimos anos, é, do mesmo xeito que a embarcación, oriúnda da parroquia de San Cosme de Outeiro. E ambos casos son expoñentes da riqueza cultural mariñeira do concello coruñés de Outes.
Á embarcación tradicional hai quen a define como “a adaptación outense da dorna” pola súa adecuación ao baixo calado do territorio que lle é propio: a desembocadura do Tambre na Ría de Muros e Noia. En realidade, está considerada como unha variante do galeón. Este acondicionamento permitiulle cumprir á perfección coa súa función industrial e comercial. O Sancosmeiro dedicouse inicialmente ao transporte de pedra desde a canteira de San Cosme ata os diques da escolleira de Noia, pero tamén foi un barco de transporte de pasaxeiros. Un servizo marítimo que, segundo puidemos saber, tiña un custo de 25 pesetas o traxecto.
Aínda que as embarcacións lévannos a pensar nas artes de pesca que traballaron ou traballan, co Sancosmeiro a cousa cambia. Estamos ante unha industria diferente pero á que lle conviña unha comunicación marítima que melloraba, e moito, as condicións e as distancias de terra. Este barco deu solución e aportou comodidade a un negocio crucial e relevante da comarca.
Cunha tripulación de dous ou tres persoas o máis característico era a súa forma, moi ancha para unha maior capacidade. Con 8 ou 9 metros de eslora, a súa manga, era practicamente a metade da súa lonxitude.
Como xa se mencionou anteriormente, o Sancosmeiro xorde como transportador de pedra pero grazas á súa capacidade de carga irase axeitándose ás necesidades que xorden na ría e terminou usándose para todo tipo de mercancías. Madeira, cemento, gando, cebolas, patacas, chapeus... o Sancosmeiro facilitou o comercio na zona e foi clave na comunicación do interior de ría levando dun lado a outro aos seus habitantes e produtos.
Este barco tivo tamén un papel relevante na construción do dique de Noia e na central hidroeléctrica do Tambre transportando cementos e os distintos materiais necesarios. Este caché está colocado na canteira desde a que se transportaba en Sancosmeiros a pedra para construír o dique inconcluso para a canle de entrada ao peirao do Marqués de Noia. Xa nos anos 70, e paralelamente ao seu declive definitivo, os Sancosmeiros dedicáronse tamén ao marisqueo.

Inicialmente, propulsábase a remo e con vela latina pero a algúns barcos chegóuselles a incorporar un motor intraborda. E non eran motores calquera senón da marca AYON, fabricados na vila de Noia. O nome dos motores provén de escribir 'NOYA' ao revés, 4YON. Aos poucos, esta tipoloxía foise substituíndo por outros barcos máis eficientes e motorizados á vez que desaparecía da paisaxe.
Os outros Sancosmeiros
Un lugar destacado na artesanía desta zona corresponde á cestería e, especialmente, ós chapeus de palla coñecidos como Sancosmeiros, aínda que tradicionalmente son feitos na parroquia de Santo Ourente. Este oficio, baseado na técnica que empregaban as mulleres ó trenzarse o cabelo, permitiu que, ademais de chapeus, puidesen fabricarse cestas, bolsas e moitos máis obxectos, actualmente só se atopan en museos.

Os Sancosmeiros están feitos de palla limpa de trigo, mollada e ben enxoita que trenzándoa coidadosamente forma uns chapeus circulares de gran resistencia e impermeabilidade. Teñen unha gran demanda non só entre as campesiñas da comarca senón ademais entre as doutras aldeas galegas, pola súa perfecta adecuación as labores agrícolas tanto no verán coma no inverno, e mesmo son adquiridos polos visitantes como recordo.