O río Barbaña foi noutro tempo un contorno que asemellaba a aquela Arcadia dos gregos. Un pequeno paraiso de pastores e pastoras que gardaban os seus gandos nunha e outra orela, no medio dunha paisaxe verdescente e florida, comunicándose as súas coitas e reloucos amorosos en voz alta que amortecía o monótono discorrer das augas, entón transparentes e cristalinas. Tamén era un edén para os pescos. Abundaban peixes, troitas, anguías, escoitábase o croar das ras e frecuentábano aves e mamíferos acuáticos.
Este río é o resultado de tres regatos que descenden polas parroquias de San Xulián de Figueiroá (dende o alto do Nevoeiro), Santa Baia de Golpellás e Cantoña. Recibe o nome do que pasa pola aldea de Barbaña (Golpellás) e rega o val de Rabeda. Preto de Calvos, cal outro Guadiana, desaparece baixo terra, para voltar á superficie ó pouco treito. Descende por Seixalbo, Sevilla, Mariñamansa, Sila, Pozo do Inferno, Vila Valencia, Porto Carreiro, desembocando no Miño un pouco máis abaixo da Ponte Vella. Ten un só afluente regular, o río dos Muiños (Barbñica) que nace na Mezquita, pasando por Pontón, A Valenzá, A Carballeira, xuntándose co principal preto do polvorín, no Pozo do Inferno.

O paso pola ciudade atravesábano as pontes de Sevilla, Codesal, Pelamios, Pedriña e Lebrona.
O caudal deste manso río aumenta considerablemente coas choivas do inverno e no verán experimenta unha dura estiaxe. En xullo de 1945 sufriu unha xigantesca crecida debido a unha tromba de auga que caeu no nacemento do dos Muíños, ocasionando graves danos, destrución de casas, pontes, cultivos e morte de animais e de varias persoas que foron arrastradas ata a desembocadura, algunha non apreceu máis.
Mentras Ourense era unha pequena cidade conservou o seu caracter idílico. Co crecemento da población, perdeu aquela condición e transformouse nun vertedeiro de lixo onde desapareceu toda clase de vida e ó mesmo tempo nun foco de infección con emanación de pestilentes cheirumes. Coa chegada da democracia, vén sendo a súa recuperación un dos temas que expoñen os distintos partidos políticos nos seus programas electorais. Tense feito bastante: Recollida das augas residuais mediante a construcción de colectores, o paseo que vai polas súas beiras desde o Remedios ata o Pabillón Paco Paz, o hoxe fermoso Parque Barbaña, a mellora das augas coa depuradora do Polígono que facilita a presencia de bandos de parrulos silvestres, pitas de auga e dunha que outra troita que xa foi vista por uns ollos cheos de fantasía e peixiños que prateaban no fondo areoso.

Débese continuar nesta labor, de xeito que nun futuro próximo o Barbaña poida compararse co Esgueva que atravesa a cidade de Valladolid, exemplo de recuperación ecolóxica. Neste traballo, os ourensáns debemos dar exemplo de civismo, tratando ó río como un lugar virxe, como algo que é noso, con cariño, manténdoo limpo, as depuradoras funcionando a cotío, facer desaparecer tódolos desagues nocivos e mellora-la vida nas súas augas con soltas de crías e unha vixilancia exhaustiva. Este ambiente de amor, de preocupación polo río, vímolo observando en moita xente que pasea polas súas beiras. Cando consigámo-la realización deste ideal, podemos decir que Ourense progresa, que en Ourense hai un verdadeiro progresismo.
O BARBAÑA (Antonio Vázquez Martín) La Región 23.07.2000