
Traducción automática al Castellano
Machine translation into English
A Praza de Armas aínda conserva o seu nome orixinal. En 1812 instalouse nela o obelisco de Churruca (actualmente situado nos Xardíns de San Francisco) na honra a este mariño vasco formado e casado en Ferrol que foi un heroi en Trafalgar.

Aos pés do monumento instalouse a fonte que fornecía ás augadoras e os mércores e sábados celebrábase nela o mercado de leña que máis tarde pasaría a Esteiro. Tamén se venderían quincalla e mobles ata comezos do século XX.

Foi en 1953 cando ao espazo lle amputaron a metade da súa envergadura ao construír o actual Pazo Municipal (antes estaba no Cantón), que tamén desterrou ao obelisco e propiciou, nos anos 70, a construción do estacionamento subterráneo e os baixos comerciais contiguos que permaneceron en pé ata 2019, en que foron derrubados polo seu estado ruinoso.

O barrio de A Magdalena está calculado integramente en “varas castellanas” (0,836 m) . O ancho das rúas mide dez varas por obra e graza da escuadra e o cartabón de Jorge Juan e Julián Sánchez Bort. Cada illa de casas mide 100 varas de largo e 40 varas de ancho. A praza actual conserva a súa lonxitude do centenar de varas, pero aínda que mediría 80 de ancho, temos que restarlle a metade acaparada polo Pazo Municipal.

En 2020 inaugurouse un novo proxecto. A “nova” Praza de Armas está rodeada por tileiros americanos (árbores vinculadas coa Ilustración), cubriuse cun terrizo que non forma lameira, executouse todo en “varas castellanas” (en concordancia co resto do barrio) e mesmo se equipou cos bancos orixinais que tiña a praza no s. XIX (restaurados, claro está).

É unha praza diáfana na que hai lugar para concertos, Semana Santa, manifestacións… Unha praza que aspira a ser un espazo para xogar nela e onde atoparse con alguén coñecido e pararse a falar un ratiño.

O caché é magnético e é moi doado de atopar. Só tés que buscar a tableta de chocolate. O difícil é collelo sen que vos vexan. Por favor, sede coidadosos para que o xogo dure.