Coles é un municipio da provincia de Ourense, que conta cun volume de poboación que ronda os 3000 cidadáns.
A organización actual dos concellos galegos xorde da división territorial do estado español no ano 1833. Ata ese momento, o territorio estaba dividido en xurisdicións e o concello actual dividíase, a súa vez, entre as xurisdicións da Barra, Gustei, Melias, Ribela e a Peroxa.
Actualmente, o concello divídese nas parroquias de Gueral, Ucelle, Albán, A Barra, A Peroxa, Melias, Ribela, Coles, Gustei e Cambeo.
Agora un dato friki que non agardaba ninguén: Coles é o concello máis circular de Galicia. Sí, a xente de GCiencia fixo un estudo das formas de tódolos concellos galegos, e Coles levou o ouro cunha circularidade do 91,8%.
O caché atópase no pobo de Vilarchao, onde se situa a Casa do Concello e o centro médico. Conta ademáis con servizos como farmacia, supermercado e bar.
A actual Casa do Concello foi inicialmente unha escola laica chamada "La Luz”. Foi construída para instruír os rapaces do concello co diñeiro que mandaran os emigrantes de Coles a Cuba, organizados na Sociedade “Progreso de Coles” .
A escola comezou a funcionar no ano 1912 e, segundo informaba o xornal “Eco de Galicia” de Cuba no ano 1924, tiña unha media de cen alumnos. Na fotografía publicada nese mesmo xornal aparece o alumnado arredor do mestre Odilo Muñoz durante unha clase de xeografía.
Pechou en 1936 por causa da represión fascista. Expropiouse e pasou a ser cuartel da Guardia Civil. Nos anos 40, foi Escuela Nacional e logo estivo abandonada até que foi rehabilitada e convertida na Casa do Concello.
Fonte: Coles Ecosocial