FARO DE OZA
O faro de Oza é un faro situado na Punta de Oza, lugar onde tamén se sitúa a nova praia de Oza GC9PBR5, na parroquia de Oza (A Coruña). Está construído no Forte de Oza, levantado no século XVI e que albergaba unha batería costeira. A construción do faro rematou en 1915 e entrou en servizo en 1917.

A Comisión de Faros decidiu proxectar a instalación do faro en 1904. Daquela os únicos que servían para guíar o acceso ó porto da Coruña eran a Torre de Hércules e o faro de cabo Prioriño, pero a posición de ámbalas dúas luces non formaba un ángulo o suficientemente axeitado como para garantir a correcta posición dos barcos durante a manobra de entrada, polo que se decidiu instalar un faro na Punta de Oza que serviría de guía para os buques que entrasen no porto a través da canle norte da ría do Burgo. Complementariamente, tamén se planeou a construción do faro de Mera, de xeito que tamén ficase sinalizada a canle oeste da ría.

Deixou de prestar servizo en 1963, sufrindo abandono e ruína ata 1996, data na que foi rehabilitado. Porén, dende aquela non se lle ten dado uso e o estado de abandono que padece ten causado continuas protestas. Forma parte do Conxunto Histórico-Artístico do antigo Sanatorio de Oza GC9PCTA
Fonte: gl.wikipedia.org