SENDA NA PO-548
O novo itinerario peonil, que conecta Pontecesures con Catoira, ao seu paso polo municipio de Valga, esténdese entre os puntos quilométricos 2+970 e 3+200 da estrada PO–548. A senda, cunha lonxitude de 230 metros, complementouse coa continuidade dun viario municipal anexo para mellorar a accesibilidade e seguridade na zona.
A obra, financiada cos fondos REACT–UE, partiu do itinerario existente na vía autonómica PO–548 e discorre pola marxe esquerda ata o cruce coa pista municipal, á que se lle deu continuidade para optimizar os servizos de conexión. O principal obxectivo desta intervención foi reforzar a seguridade dos veciños que se desprazan a pé por esta estrada, unha vía con alto volume de tráfico de vehículos e peóns, xa que conecta a igrexa de Santa Columba, o colexio Xesús Ferro Couselo e o pavillón municipal.
Ademais, para mellorar a seguridade no tránsito peonil, construíronse dúas pasarelas. A primeira, unha pasarela metálica de 21 metros de lonxitude e case 3 metros de anchura, foi habilitada na proximidade da igrexa de Santa Columba de Cordeiro, sobre o río Louro. A segunda intervención consistiu na ampliación do paso sobre este río, aumentando a plataforma da calzada con chapas metálicas sobre trabes e construíndo catro muros de contención para mellorar a estabilidade do terreo e garantir unhas condicións de seguridade óptimas.
Por último, a intervención completouse coa reordenación do tráfico na intersección no punto quilométrico 3+910, co obxectivo de mellorar a circulación e impedir manobras perigosas, garantindo así un cambio de sentido máis seguro e reforzando a seguridade viaria na zona.
