
Podes chegar de diferentes xeitos, a miña recomendación é que o fagas dende Seoane. Partindo dos waypoints comezarás camiño a través dun antigo muro de pedra que leva moitos anos facendo de "ponte" sobre a vexetación, para logo avanzar por un sendeiro ben marcado, achegándote ao regato de Lusín e pasando preto de grandes penas e muiños, algúns restaurados e outros ruinosos.
O regato de Lusín nace na zona de Fonte de Mouros, preto do límite entre os concellos de Coles e Vilamarín. Tras percorrer uns 8 km, nos que se nutre do regato de Gustei, desemboca nun río Miño represado polo encoro de Velle, preto de Ribela. Na actualidade hai claras evidencias da contaminación das súas augas, que xa pouco teñen que ver con como as vivín eu de neno, ateigadas de peixe e vida.
