MURALLA DE FERROL
Traducción automática al Castellano Machine translation into English

Arquivo do Reino de Galicia. Colección cartográfica e iconográfica. Plano da vila e arsenais de Ferrol. S. XIX
Ferrol tivo unha muralla construída na segunda metade do s. XVIII da que só se conservan 4 elementos inconexos que non serven para formarse unha imaxe conxunta da liña defensiva orixinal. Ditos elementos son:
O Baluarte de San Xoan que está incompleto

O Baluarte de Canido que está moi deteriorado.

O Baluarte do Infante, onde está o Arquivo Militar Intermedio.

E o conxunto de Fontelonga e a muralla anexa que se desenvolve no “cuartel de Dolores” e que se conserva especialmente ben, pero que só se pode ver con visita guiada por culpa dunhas obras que parece que non se van a acabar nunca (Foto de Turismo Galicia)

Sábese que Ferrol xa tiña un recinto amurallado no s. XII e existen proxectos para a súa defensa de terra mesmo antes de construírse o Arsenal Militar que constitúe a materialización do deseño ilustrado: dársena, almacéns, talleres, baterías de defensa…. En tódalas obras se pode percibir a orde racionalista: utilidade e ciencia, e tamén son feitas con grande magnificencia como símbolo do poder real, tal e como reza na súa porta de acceso:

"Para o que queira contemplar unha marabilla de arte supremo aquí se presenta o monumento máis notable do orbe, onde pode admirar as poderosas escuadras dispostas a cruzar os mares, ¡Oh feliz España e ditosa en grado sumo! Gobérnate e réxete con esplendor e exerce o seu imperio con sabedoría Carlos III, Rei ínclito, piadosísimo, augusto, para o que o mundo é pequeno, Ano de 1783"
Ás óptimas condicións portuarias, amplas dimensións e boa defensa natural, fan que en 1776 o primeiro ministro inglés, Pitt dixera: “Se Inglaterra tivese nas súas costas un porto como o de Ferrol, o seu goberno cubriríao cunha robusta muralla de prata”
Mais esa situación nunca tivo lugar. A localización de Ferrol é moi vantaxosa topograficamente fronte a un ataque por mar, pero non é doada de defender dun ataque por terra xa que non hai un istmo que garanta a súa defensa e os montes perimetrais teñen vantaxes estratéxicas sobre a futura cidade departamental.

Plano das Tres Rías de Ferrol, Betanzos e A Coruña. Aprox. 1730, Biblioteca Nacional de España.
Por iso, os plans de defensa da fronte de terra de Ferrol foron sempre complexos e custosos, e non se executaron ata ter un deseño suficientemente axustado, tanto en resolución como en economía, para facelo viable. Despois de moitos proxectos, elixiuse o de Francisco LLobet quen é destinado a Ferrol en 1768 co encargo de deseñar a fronte de terra da Praza e comezar canto antes a súa construción. O seu proxecto describe un recinto amurallado dende a enseada de Caranza ata a da Malata, resolto mediante un muro no que se interpoñen catro baluartes cunha innovadora planta.

Plano da Nova Praza de Ferrol: no que se comprende o Real Arsenal, cos catro barrios de Ferrol Vello, Nova Poboación, Esteiro e Canido. SANCHEZ DE AGUILERA, Dionisio, Francisco, 1772. Arquivo Xeográfico e de Estudos Cartográficos do Exército
En 1769 é substituído por Sánchez Aguilera quen introduce importantes melloras nos baluartes, deseña a defensa do peirao de Fontelonga (a única ben conservada), dá a solución final ás dúas portas da cidade e remata as obras en 1774. Iso si, limitándose aos materiais descritos no proxecto orixinal, unha cachotería pobre interpolada con pizarra nos muros e cantaría nas frontes dos baluartes máis expostos aos impactos da artillaría.
A mala calidade dos materiais, fai que 30 anos despois, en 1804 xa haxa informes do mal estado das defensas e en 1814 os temporais arruinaron un treito do muro fronte ao mar. Durante o s. XIX sucédense os informes sobre o mal estado das murallas e como van aparecendo brechas nas mesmas que se van tapando con empalizadas, pero aínda que houbo importantes proxectos para reforzalas, a mala saúde das arcas españolas fan que ningún prospere.

Fotografía das empalizadas de reforzo no treito de cortina que discorría pola Malata. Aprox 1900 www.ferrolantiguo.googlesites.com
Finalmente, o mal estado das murallas e as grandes limitacións para facer calquera tipo de obras nas súas proximidades fan que os veciños e o propio concello soliciten o seu derribo. Calquera escusa era válida: a ampliación dunha estrada, a entrada do ferrocarril, a construción dun cuartel,… Pouco a pouco foron caendo a Porta Nova, os muros de cortina… e así ata quedar reducida unicamente a estes 4 elementos inconexos que se conservan na actualidade.

Vistas desde o Baluarte de Canido
Fonte: LO QUE NO SE SABE DE LA MURALLA DE FERROL. Frente de tierra de Ferrol, génesis y ocaso del recinto amurallado de la plaza. Ramón Montero Cereijo
O caché é magnético e está camuflado na varanda. Por favor, buscade con discreción porque é unha zona moi concurrida.