Rúa do Ensino
Imos contar un pouco de historia da Rúa do Ensino (calle de la Enseñanza) no barrio do Couto, en Ourense.
O Couto é un dos barrios máis populosos de Ourense, abarcando boa parte do terreo ao sureste da cidade, entre o Miño, o Barbaña e a estrada N-525. Parece ser que o término Couto ven da elevación ou “coto” do que hoxe son as rúas Jesús Soria, Goya e Ensino.
Precisamente desta última rúa, da rúa do Ensino, imos falar. Aínda que hoxe é unha rúa chea de modernos edificios altos que conviven con outros mais antigos, non hai moito tempo era unha pequena rúa sen saída, con acceso exclusivamente polas rúas Goya e Jesús Soria. Un campo de terra onde os rapaces do Couto xogábamos tranquilos coas nosas bicicletas ou dábamos patadas a un balón sen mais medo que os cristais que se poideran romper. Vendo a ortofoto do voo americano, parece un martelo.

¿Por qué se chama rúa do Ensino?
A rúa está presidida por un gran edificio: Na súa fachada vemos unhas letras gravadas en pedra nas que podemos ler: “Fundación Villanueva Lombardero”. Este empresario e político chegou a ser alcalde de Ourense nos anos vinte. A súa viúva creou esta fundación e este edificio foi unha das primeiras escolas de Ourense e xermen do que acabou sendo o colexio público do Couto. Moitos veciños do Couto fixeron algún curso dos seus estudos nas súas aulas. Velaquí o motivo de chamarse “calle de la Enseñanza”. Este edificio tamén serviu como centro de votación nalgunhas eleccións e tamén foi sede de Radio Ecca. O seu último destino foi servir de Centro de Iniciativa para a Muller (CIM) do Concello de Ourense, tras unha reforma que o deixou co seu actual aspecto. Está pechado e en desuso por mor da presenza de radón.
CIM Ourense

Taller José Núñez y hermanos
No actual número 12 consérvase a vivenda onde estivo o taller dos irmáns Núñez, un grupo de virtuosos artistas (escultura, pintura, ebanista) responsables dos bancos da igrexa de Fátima, a parroquia do Couto. E onde hoxe está o edificio número 18 estaba a casa dun reputado canteiro que tamén traballou nas obras de Fátima.
Una historia de película entre las piedras de Fátima

Fundición Malingre
A actual saída da rúa Ensino cara a rúa Ervedelo era antes parte dos terreos da Fundición Malingre e tamén dunha finca cun chalet onde residía o capellán da igrexa do colexio Santo Anxo. Todo quedou arrasado pola moda das galerías comerciais que hoxe languidecen baleiras e escuras.
La casa del capellán de doña Angelita

Don Jesús Soria
Mencionamos antes a rúa Jesús Soria. Este señor foi un afamado pintor e profesor que tiña a súa casa nun chalet na esquina entre Goya e Ensino (actualmente Goya 11 e Ensino 8). E volvemos a falar da igrexa de Fátima, porque foi responsable das súas cristaleiras. Co tempo este chalet pasou a ser de don Antonio, fundador do que hoxe son as Confiterías El Couto. Cando morre don Antonio, os seus herdeiros desfanse do chalet e no seu derrubo para facer os actuais edificios bótanse a perder diferentes murais que Jesús Soria pintara na súa casa e que don Antonio tivera a intelixencia de valorar e conservar. Daquela desfeita só se rescatou no último momento un mural que se atopa no Museo Arqueolóxico.
Peza do mes - Mural Jesús Soria
Don Jesús Soria

Don Marcelo Macías
Hai que ver, unha rúa tan pequeniña e daquelas tan escondida, todo o que gardaba. Pois aínda queda o prato final. Na cima da rúa Goya, onde hoxe está o edificio de Ensino número 7 e a baixada da rúa Faustino Míguez cara a rúa Dalí, estaba o chalet de don Marcelo Macías. Aínda que non se aprecia na foto, na punta do pilar da esquerda da entrada estaba o vello letreiro azul que rezaba “Calle de la Enseñanza”. Este chalet tiña ata un pequeno oratorio onde se chegaron a celebrar algunhas vodas, que foi doado ao Museo Arqueolóxico cando o chalet foi derrubado.
Marcelo Macías - Wikipedia, la enciclopedia libre
Ourense no tempo: A casa de Don Marcelo Macías y García

Hoxe pouco queda da rúa que foi. A modernidade levou os chalets, os campos e a terra, as carreiras en bicicleta e os partidos de futbito. Mudou a paisaxe por adoquín, coches e edificios. Non sei se son tempos mellores ou peores, pero sen dúbida son diferentes.
Para poder manter as distancias con outros cachés, o contedor magnético atópase nas traseiras da rúa Jesús Soria, por detrás do edificio Villanueva Lombardero. Por certo, por aquí estivo hai moitos anos o forno orixinal de dona Obdulia e don Antonio e que hoxe son as Confiterías El Couto que xa mencionamos antes. Ao mellor a algún geocacher lle queda cerca.