O bote é micro e só contén o log e a pista necesaria para o multi, está nun lugar algo exposto polo que pido que sexades cautelosos, trae máquina de escribir.
A Historia é a ciencia: non minte; E a Historia ensínanos que Dende os anos nove ao vinte Galiza púxose en pé...
"Oseira, Nebra e Sofán,
Nebra Sofán e Oseira:
¡Defenderon pobo e pan,
xustiza, patria e bandeira!
Canso xa de tanto aldraxe
e soportar o indecibel
o pobo, aceso en carraxe,
ergueuse, forte e terribel!
Ergueuse o pobo acendido
En favor esperanzado.
¡Axina foi perseguido
reprimido e masacrado..!
O sangue do noso pobo
Envermellou o seu chan
¡Pobo rexo e valeroso
De Oseira, Nebra e Sofán! "
(Manuel María "Os levantamentos populares do século XX")
Sabido é que en 1918 houbo unha importante epidemia de gripe que carretou cotas altísimas de mortalidade, especialmente no medio rural, agravada pola deficiente infraestrutura sanitaria e médica.
Sofán e Carballo
Carballo é un concello integrado por 18 parroquias. A de Sofán foi a máis poboada ata o censo de 1920 en que a parroquia de Carballo capital supera por primeira vez. A gripe de 1918 ou gripe española, foi a máis mortal do pasado século causando segundo distintas fontes entre 50 e 100 millóns de mortos en todo o mundo. En España calcúlanse uns 8 millóns de infectados e sobre 300.000 falecidos. Foi un virus que mudaba con moita frecuencia, hoxe sábese que o H1N1 partiu dunha base militar en EE.UU. (Kansas). En Galiza houbo lugares especialmente afectados. Lembremos como Castelao marcha voluntariamente e de forma desinteresada para Rianxo axudar as vítimas da epidemia, onde tamén estará o seu amigo o doutor Ángel Baltar Cortés.
En Sofán esta pandemia causou a morte de 139 persoas. En só un mes, dende o 18 de Outubro ó 18 de Novembro morren 83 veciños. Moitos nenos. O día que máis xente enterraron foi o 31 de outubro 1918 con oito cadáveres e ó día seguinte seis. A comezos de 1919 pouco a pouco vai diminuíndo a mortalidade.
Ante o elevado número de mortos as autoridades municipais, Xunta Local de Sanidade e tamén a provincial propoñen crear un novo cemiterio en Sofán. Aparentemente as razóns parecen obvias e razoables. Os veciños, co apoio do párroco Antonio Carracedo Viña, prefiren a ampliación, entre outras razóns non queren ver os seus devanceiros separados. Ademais a proposta de novo cemiterio é nun lugar afastado, chamado Campo de Arriba, que está a monte, cheo de toxos, sen apenas uns casqueiros que cercan o recinto. A propiedade do monte é da familia Regueiro: Andrés, notario, e Manuel, médico. Símbolos do caciquismo en Carballo, servis da familia Del Moral, cacicado de Torre Penela, con conexións con Barrié de la Maza. O Concello acorda a clausura do vello cemiterio o 18 de novembro e que os falecidos sexan enterrados no novo cemiterio. Votarán en contra os concelleiros Felipe Pombo Calvo e Manuel Gómez Vilas, e volverano facer no pleno do 20 de xaneiro de 1919, cando se aproba enviar o proxecto ao gobernador civil para a súa aprobación definitiva.
Nunha xuntanza veciñal a xente oponse a enterrar nese monte, aínda que a Xunta de Sanidade deulle o apto para enterramentos. De feito os primeiros ocupantes foron en terra, xa que aínda non había panteóns nin nichos. Os enterramentos no cemiterio vello serán pois clandestinos, pola noite, polos veciños mais sen a presenza do párroco (aínda que houbo rumores de que nalgún si que oficiou). Por exemplo o chamado "Roxo da Lagarteiras" foi enterrado as catro da mañá.
Como dixemos a clausura foi o 18 de novembro 1918. Dende aquí ata o día 16 de febreiro de 1919 entérranse no cemiterio vello, incluso no adro, once cadáveres. Hai confidencias á alcaldía de que se fan enterramentos no cemiterio vello contravindo as ordes de peche, por exemplo o enterro da nena Manuela García Bolón filla do finado Manuel García do lugar de Prearada (30 decembro 1918). Como resposta o alcalde de Carballo solicita do alcalde de barrio de Sofán, José García Sande, que investigue e tome nota dos que asisten os enterros, e a súa actitude ante os mesmos. Así o fai o día 9 de febreiro de 1919 en que se enterra o neno Andrés Remuiñán Serrano. Comunícanse algúns aspectos e outros non pois entrevese que non quere dicir nomes. O 11 de febreiro o alcalde de Carballo pon en coñecemento do xulgado de instrución os feitos e tamén o día seguinte ao párroco de Sofán dicindo que se están incumprindo as ordes dadas de clausura do cemiterio e que se seguen facendo enterramentos clandestinos. Segundo contan algunhas familias, chegou un momento en que o cemiterio vello estaba totalmente desbordado, amoreábanse cadaleitos uns enriba de outros, e non había donde poñer a ningún máis. De aí que se foran espallando pola parede dianteira da igrexa.
Contexto de autoridades naqueles tempos
Neste momento Álvaro Figueroa y Torres Mendieta, conde de Romanones (Madrid, 1863-1950) era o Presidente do Goberno nas filas liberais do réxime da Restauración da monarquía de Alfonso XIII. O Gobernador civil da provincia da Coruña e Presidente da Deputación era Enrique Toral Sagristá. O xefe da garda civil (6º Tercio, Comandancia da Coruña): Manuel Díaz Mazoy. O alcalde de Carballo: Manuel Varela Loureiro; o porteiro do concello: Benito Rodríguez, Fariña; o alcalde de barrio de Sofán: José García Sande; o xuiz de instrución de partido xudicial de Carballo: Antonio Sánchez de Andrade; o cura párroco de Sofán: Antonio Carracedo Viña; o coadxutor: Francisco de Baiñas.
🧩 O Enigma
Pregunta: cantos cadaveres se enterran dende a clausura do cemiterio ata febreiro do 1919?
Podes validar a solución do teu puzzle con Certitude.
Fonte obtida de: REBELDIA GALEGA CONTRA A INXUSTIZA. DE NÓS MONOGRAFÍAS, EAN; 9788409002030, sección de As Mártires de Sofán, de Xoán Fraga Rodríguez.