O bote é micro e só contén o log e a pista necesaria para o multi, está nun lugar algo exposto polo que pido que sexades cautelosos, trae máquina de escribir.
A Igrexa de San Salvador de Sofán é de 1722, de estilo barroco con reformas neoclásicas no XIX como por exemplo na fachada na que sobresae o seu esvelto campanario. Destaca asemade o escudo nobiliario da familia Vilardefrancos, lugar da parroquia de Artes, moito tempo anexa a Sofán. Recordemos que en Sofán foi bautizado Fabián Pardiñas de Villardefrancos, reitor da universidade compostelá e impulsor dos primeiros xogos florais no século XVII. Mais non nesta igrexa, que aínda non existía, senón na vella de Guntián.
No interior de San Salvador podemos observar interesantes retablos. Tres barrocos, o da Virxe do Rosario e o das Ánimas, e dous neoclásicos: Ecce Homo e a Virxe das Dores. Tamén unha fermosa talla gótica, do século XIV. Diante do templo atópase un cruceiro que data de 1660, con catro bancadas e amplo pedestal, o esvelto varal remata co Salvador no anverso e a Virxe no reverso.
Sofán é unha parroquia moi extensa e con moitos lugares (62 núcleos de poboación), a que máis do Concello de Carballo. Todos eles fermosos e sonoros, un regalo para o medio ambiente ilos nomeando en voz alta:
Albeiro, Ballota, Bolón, As Bouzas, Braflle, Calvelo de Abaixo, Calvelo de Arriba, Campo de Arriba, Campos de Bolón, As Canelas, A Carracha, Os Carris, A Casanova, A Charrúa, A Corredoira, O Cotomil, O Cotote, Covas de Abaixo, Covas de Arriba, A Cruz, A Ermida, Evas, O Forno, A Freiriña, O Freixal, A Gándara, Guitoi de Abaixo, Guitoi de Arriba, Guntián, A Lagarteira, Loureiro, As Maroas, Monelos, Monte do Rei, O Monte, O Outeira, Loureiro, As Maroas, Moneteiro, Paradela, A Pedreira, Periscal de Abaixo, Periscal de Arriba, O Pilro, A Piña, A Praza, Prearada, A Rachola, A Ramiscosa, O Reboredo, A Reixía, A Ribeiriña, O Rio, O Seixal, Sete, Sinande, Sofandónigo, A Tapia, O Tarambollo, Troián de Abaixo, Troián de Arriba, Troián do Medio, O Vilar, Vioño e O Zarrallo. Perder un topónimo e perder identidade. Rescatalo, gañar patrimonio.
Hoxe todo o que rodea a igrexa de Sofán é un fermoso xardín, cunha oliveira e varios carballos, tamén se observa nun lateral outra parte separada por un muro, que formaba na totalidade o vello cemiterio. No adro ante a porta de entrada da igrexa só quedan catro lápidas pétreas que testemuñan a necrópole do pasado.
Este antigo cemiterio foi a causa que prendeu a chispa do polvorín. Aparentemente a cuestión estaba entre ampliación do cemiterio vello ou construción dun novo, no contexto da epidemia de gripe de 1918. Os veciños e o cura, nun primeiro momento, estaban pola ampliación. O caciquismo e autoridades municipais, en perfecta comuñón, polo novo.
🧩 O Enigma
De que ano data a igrexa?
Podes validar a solución do teu puzzle con Certitude.
Fonte obtida de: REBELDIA GALEGA CONTRA A INXUSTIZA. DE NÓS MONOGRAFÍAS, EAN; 9788409002030, sección de As Mártires de Sofán, de Xoán Fraga Rodríguez.