O acontecido en Sofán non pode separarse dun ciclo político marcado pola I Guerra Mundial, cun gran impacto na economía de toda Europa, sobre todo pola especulación masiva das elites. Así como crise da I Restauración cunha situación social dunha democracia falseada pola corrupción existente. A isto, hai que sumarlle o auxe dos movementos sociais, obreiros, agraristas e nacionalistas que comezaban a prender a chama na comarca de Bergantiños da man de Solidaridad Gallega.
O caso de Sofán non foi unha cuestión illada, naqueles anos atopámonos cos conflitos de Nebra, de Guillarei ou de Oseira. Nos cales as mulleres tiveron unha importancia vital en todos eles, así como nas revoltas da Coruña na que as mulleres paralizaron a cidade durante semanas.
A solidariedade é grande. Da Coruña os galeguistas e agraristas veñen a Sofán para facer unha concentración. Piden permiso para dar o mitin na leira chamada "A Carreiras" da que era dono Pedro Alonso Docampo, quen os autorizara. Mais as presións de Manuel Regueiro fan que finalmente non lles deixe. Pero estes conseguen outro lugar propiedade de Xan de Mata (Juan Pallas) cerca do cemiterio novo. Xan de Mata, admirador de Lugrís Freire, aguanta as presións e non cede ante as ameazas. Xuntáronse máis de mil persoas. Falaron:
- Joaquín Martín Martínez: republicano, secretario do concello da Coruña, será asasinado en 1936.
- Lois Peña Novo: avogado, presidente da Unión Campesiña, membro das Irmandades da Fala, será en 1920 o primeiro concelleiro elixido na Coruña nas filas nacionalistas.
- Manuel Lugrís Freire: escritor e membro da Real Academia Galega, fundador con Galo Salinas da Escola de Declamación en 1903; daría o primeiro mitin en galego en 1907 en Betanzos. Publicará pouco despois destes sucesos de "Sofan Versos de loita", (Terra a Nosa, 10 de xullo 1919) Suplemento de El Noroeste.
- Julio Sánchez de Rueda (Julio da Barbeira): republicano carballés, que despois en 1936 pasará ao bando franquista. Tamén falaron os carballeses Andrés da Tahona e Manuel Rey Escariz (o chocolateiro) ligados ao movemento solidario que fundara Ramón San Luis Romero.
Como represalia a Xan de Mata, no concello, por decisión de Manuel Regueiro, sóbenlle a cota do Consumo de 25 a 500 pesetas, como se fose o mais rico de todo o concello. Un posterior recurso por parte do avogado Adolfo Racedo ante o Gobernador Civil rebaixoulle a cota a 100 pesetas.
Houbo protestas e intentouse facer unha gran manifestación en Carballo o xoves día 20. Solicitada legalmente polo avogado e xuiz en excedencia Guillermo Peinador Vega, en representación dos veciños:
"autorización para celebrar manifestación pacifica polas desgrazas ocorridas o domingo e pedir os poderes os castigos dos culpables. A manifestación partirá do Campo da Feira de Berdillo a unha da tarde, transcorrendo pola rúa do Sol, Praza, rúa Concordia, Vazquez de Parga e Concello onde se disolverá. Terá lugar o próximo xoves dia vinte".
Foi presentada por escrito en Carballo día 19 febreiro 1919, por Joaquín Racedo. O Concello de Carballo, por orde do alcalde, non autoriza a manifestación e pon trabas (cortáronse comunicacións, intimidacións, etc...) para que os veciños acudan a Coruña, onde nos locais da Irmandade da Fala da cidade herculina celebrouse un mitin onde falaron entre outros Peña Novo, Vilar Ponte, Blanco Torres e Casares Quiroga. Houbo tamén outras formas de protesta como o telegrama enviado pola Federación de Sociedades Oreiras da Coruña ao consello de ministros ou a oportunista intervención do deputado conservador Calvo Sotelo. Pola súa banda o xuíz de Instrución de Carballo, Antonio Sánchez de Andrade, ante diversas acusacións, envía unha carta a La Voz de Galicia (20 de febreiro) aclarando a súa postura sobre os feitos de Sofán, explicando que el non estaba en Carballo no día dos sucesos.
O sumario pasará a un xuiz instrutor do Corpo Xuridico Militar quen nun primeiro momento (xullo de 1919) resolve procesar e enviar a prisión os gardas civís así como o porteiro do concello Benito Rodriguez, polo que o concello nomea provisionalmente a Eliseo Sanjurjo para dito posto. Mais en abril de 1921 o pleno do concello Carballés repón no posto citado a Benito Rodríguez e incluso de maneira definitiva pois exercera o cargo interinamente. É decir premiouse o represor. Todo quedou en nada.
Debido a todos os feitos contados o Gobernador civil ordena que non se fagan mais enterramentos en Sofán durante os tres anos seguintes, e que fóran enviados à parroquia de San Xurxo de Artes.
O cura párroco fai recurso de Alzada en decembro de 1919 ante o Ministerio da Gobernación, quen en xullo de 1920 desestima dito recurso e aproba o Expediente definitivo do novo cemiterio.
O papel do cura párroco: Algúns inculpárono e outros din que se puxo de lado dos veciños. Jesus Carracedo, que era o monaguillo, deixou un manuscrito titulado "Sofán y sus costumbres" onde di que se encontrou entre dous lumes.
O concello de Carballo na II República, en 1932 sendo alcalde Francisco Bolón propuxo construír un monumento as mártires de Sofán por suscripción popular, comezando o propio concello cunha cantidade determinada. No mesmo ano en Sobredo, Guillarei (Tui) o escultor Camilo Nogueira realiza o monumento homenaxe as vítimas dese pobo noutro conflito agrarista (1922) polo impago dos foros. En Carballo despois no bienio negro paralizouse a iniciativa e logo a máis negra ditadura franquista imposibilitou levar a cabo esa homenaxe.
Por fin, e tras pasados 100 anos, a homenaxe e recoñecemento tivo lugar o 14 de decembro de 2019, un recoñecemento non só a elas, tamén á dignidade e a defensa da terra que estas catro carballesas representan.
Chega a hora de probar as túas procuras, sorte:
Podes validar a solución á túa procura con Certitude.
Fonte obtida de: REBELDIA GALEGA CONTRA A INXUSTIZA. DE NÓS MONOGRAFÍAS, EAN; 9788409002030, sección de As Mártires de Sofán, de Xoán Fraga Rodríguez.