Fonte: Igrexa San Xurxo de Touza
Igrexa de orixe románica situada no parroquia do mesmo nome, a 3km de Taboadela. Mantén case íntegra a súa factura medieval máis un anexo moderno que funciona como sacristía. Con nave e ábsida única e decoración típica do estilo como os arquiños da cornixa, moi empregados nas igrexas románicas ourensás, chama a atención polo seu desenvolvemento escultórico, con canzorros, metopas e outros detalles que a fan meritoria de admiración. Está claro que con esa figuración tan ben labrada, os canteiros que aquí traballaron, tiñan sobrada experiencia e grandes coñecementos sobre iconografía.
É un templo de planta retangular coa ábsida lixeiramente elevada respecto da nave que conta cunha sacristia lateral de notable tamaño. Aquela protéxese a través dunha cuberta a dúas augas, mentras que a primeira - de maior altura- gorécese baixo unha cuberta a catro vertentes. Os seus muros levántanse en perpiaño granitico de boa calidade na modalidade de opus quadratum.
.
A fachada principal conta cu único oco, a porta de acceso, gorecida baixo un arco de medio punto enmarcado por unha imposta axadrezada. Este arco, de orixe medieval, dá lugar a un tímpano liso no que se realizaron unha serie de insculturas cruciformes de caracter popular. Na cimeira, rematando en altura o conxunto, unha esbelta espadana de forma piramidal e dous corpos que acolle dous sinos na sección inferior, deixando libre o superior, que se amosa acompañado por pináculos e ediculos ornamentais.

O templo paroquial de San Xurxo é a única igrexa que mantén á vista o testemuño das dúas grandes reformas que experimentou ao longo da súa historia. Xa que logo, no templo de San Xurxo conviven harmonicamente elementos románicos e barrocos. Entre os primeiro cabe sinalar á ábsida semicircular, de menor tamaño que a nave, que ainda conta cos canzorros figurados soportando o tellado xunto a un conxunto de arcos lombardos que percorren perimetralmente a ábsida. Na cumieira, un Agnus Dei cunha cruz latina chantada no lombo, un elemento de clara filiación románica
A igrexa de San Xurxo de Touza está catalogada como ben do patrimonio cultural relixioso.

Taboadela é un concello a menos de 12 kilómetros de Ourense capital. É un municipio rural, cun patrimonio natural e artístico facilmente visitable e por onde discorre, ademais, a Vía da Prata do Camiño de Santiago. Hai varias rutas de sendeirismo, que se poden facer a pé ou en bicicleta, para descubrir a súa natureza.