A M Á S C A R A
Podemos decir que conta de dúas pezas claramente diferenciadas.
Na parte superior temos a mitra. Trátase dunha pantalla, orixinalmente metálica, ilustrada na cara frontal con animais representativos da serra de San Mamede. Está coroada por un rabo de raposo, e a parte posterior está cuberta con pel animal.
Cubrindo o rostro vai a carauta como tal. Esta tallase en madeira de bido, cerdeira, nogueira, anilleiro...; dependendo do tipo será máis ou menos difícil de traballar, pero en calquera caso, só esta parte da elaboración leva unhas 10 horas.
As carautas represéntanse con sorriso retranqueiro, grandes bigotes, amplas cellas, coloretes e barba feita con pel de animal pegada no borde.
Toda a elaboración é un proceso totalmente artesanal.
Dende 1997, encárgase da súa elaboración Felipe, en Couzada de Maceda, empregando madeira de cerdeira. Aínda que se vai innovando un pouco, a imaxe do felo non cambia; é fiel a tradición.

O T R A X E
Aseméllase, aínda que con elementos diferenciados, á indumentaria convencional dos Peliqueiros de Laza e os Cigarróns de Verín, e caracterízase por ter unha figura máis "primitiva" e "masculinizada".
Camisa branca, gravata, chaquetilla similar á dos toureiros con galóns dourados, ombreiras, medias negras, calcetíns de lá brancos, pololos, ringleiras de borlas de distintas cores, unha colcha con freques claros ao redor da cintura para amortiguar os golpes das cinco chocas, botas, collares varios e bastón en man.
O ruído dos cencerros empregábase pra avisar da chegada e espantar a lobos e malos espíritos. O bastón emprégase de xeito intimidatorio.
En canto á chaquetilla, crese que foron empregadas nas guerras carlistas. Está documentado que os soldados deixaron unhas 40 chaquetas en Castro de Escuadro, na terceira guerra carlista.

F E L O S H O X E
Como moitos dos entroidos tradicionais galegos, están a vivir un apoxeo. Os distintos colectivos están convencidos da importancia do Felo, e son moitos os que se recoñecen como tal.
Durante as semanas de entroido podes atopalos en moitas aldeas da serra de Maceda, ou na mesma vila. O acto maioritario levase a cabo o sábado de entroido, onde despois de reunirse na Praza das Toldas de Maceda parten a facer un percorrido pola parte alta da serra visitando Castro de Escuadro, Pías, Xinzo da Costa, Celeiron, Barxela, Vilardecás, Carguizoi, Sarreaus, e Tioira. Despois de repartir alegría polas aldeas regresan a Maceda pra facer un desfile. O domingo, saíndo tamén de Maceda, percorren Castro de Escuadro. Pra rematar, abren o desfile urbano de disfraces do martes de entroido, saíndo dende a rúa das Canteiras.
Na actualidade non se perdeu a condición natural da serra como dominio absoluto dos Felos, aínda que a realidade é que nalgúns pobos nos que había moitos veciños pra recibilos, agora non quedan mais que tres ou catro habitantes. Pero os reis das falcatruadas non deixan de percorrer as aldeas, onde son moi ben recibidos, con moitas risas, licor café, bica e todo tipo de agasallos.

Fonte: www.felosdemaceda.com | Fotografías: Brevebretema | Ilustración: Iria Prol