Entre as provincias de Lugo e Ourense atópase o tramo final do río Sil. Nas súas marxes, e ao longo de máis de trinta e cinco quilómetros, érguense dúas paredes que, nalgunhas zonas, se elevan case cincocentos metros en vertical sobre as súas augas. Estas ladeiras guían o río a través de amplas curvas e meandros, que forman algúns dos recunchos máis máxicos de toda Galicia.

Esta orografía abrupta foi aproveitada para a produción de enerxía hidráulica. O encoro de Santo Estevo é un dos máis impresionantes de Galicia e unha visita obrigada na Ribeira Sacra.
A súa construción comezou en 1945 e foi inaugurado en 1956, aínda que as obras remataron un ano máis tarde, en 1957. Para iso, aproveitouse un estreitamento do val nunha zona de paredes rochosas, situada a menos de 10 km dos Peares, na confluencia do Sil co Miño e antes da desembocadura do río Cabe. Entre o Cabe e Os Peares construíuse o encoro de San Pedro, que forma un complexo hidroeléctrico co de Santo Estevo.

É unha das maiores obras da enxeñaría hidráulica de Galicia. Na súa construción chegaron a traballar máis de 3.600 persoas, algunhas delas presas do réxime, que formaban parte do sistema de Redención de Penas polo Traballo.
A presa ten unha altura de 120 metros e o complexo está formado pola propia presa, os túneles que conducen a auga ata a central e a propia central eléctrica. A cola do encoro alcanza practicamente os 40 quilómetros, e unha das mellores maneiras de coñecer o Canón do Sil é a bordo dalgún dos catamaráns que percorren as súas augas.

Fontes:
Iberdrola - San Esteban, el mayor complejo hidroeléctrico de Galicia
Arribeirados - Embalses de Galicia en la Ruta por la Ribeira Sacra
O caché
Este caché forma parte da serie Encoros do Miño e do Sil e participa no Xeodesafío Anual 2026 - Agochar unha serie de 10 cachés.
