Os que xa temos unha idade provecta e rozamos a senectude lembramos un anuncio de comezos dos anos 80 no que un simpático personaxe aparecía dicindo aquilo de: «Ñaca ñaca, A Cigala». Tratábase dun sinxelo anuncio de arroz cuxo slogan quedou gravado na memoria daquela xeración da EXB.
E aproveitando que o Geodesafío de outubro de 2026 nos obriga a comezar o nome por Ñ, non podiamos deixar escapar semellante oportunidade.
Así que aquí tedes: 🦐 ÑACA ÑACA, LA CIGALA 🦐
Esta campaña durou apenas uns meses na televisión. Os seus responsables pensaron, despois de aprobala e emitila, que contiña unha expresión cun groseiro dobre sentido (como diría aquel, hai moita "mente sucia"). Porén, o feito de que o controvertido slogan («Ñaca, ñaca») aínda se lembre e se asocie ao arroz indica que, en termos de efectividade publicitaria, aquela campaña de 1982 foi un éxito indiscutible.
O concepto do anuncio era bastante simple: o actor-cociñeiro, nun plano secuencia, soltaba unha leria nun idioma que parecía chinés, loxicamente inintelixible para o espectador, coma se fose un experto culinario oriental que recomendase o produto.

Só unha cousa se entendía daquela fala do actor. Ata dúas veces dicía: «Ñaca, ñaca, la cigala». O sentido que se lle quería dar era o de «come, come», unha onomatopea de mastigar.
A proposta foi ben acollida, pero, ao pouco tempo de estrearse na televisión, decatáronse de que daquela expresión festiva podían extraerse connotacións de dubidoso gusto. E unha vez que se puxo sobre a mesa que o xogo de palabras tiña certos "matices", a empresa retirou a campaña, que tampouco pasaría os filtros actuais. Mais a frase chegou a integrarse na cultura popular.
Seguro que moitos lestes «ñaca ñaca» e tamén vos puxestes a pensar en "porcalladas". Como diría Diego Serrano (Antonio Resines), hai moita «mente porca» e aquí o tedes coas súas mellores armas, disposto a limpar.

Os anos pasaron, pero a cigala segue facendo das súas. Deixámosvos unha pequena homenaxe, sinxela e con caché. Só tede un pouco de paciencia, mirade ben e, sobre todo, non marchedes sen deixar o rexistro asinado.
¡A buscar! 🔍🦐
