Esta foi a primeira das grandes obras de aproveitamento hidroeléctrico do Miño que incluíron Peares (1955), Belesar (1963), Velle (1966), Castrelo de Miño (1968) e Frieira (1969).
Para comprender mellor estas obras temos que trasladarnos a unha España na que, tralas feridas da Guerra Civil (1936-1939), xa non se fan inversións e hai dificultades para importar materiais, así que a produción eléctrica queda estancada, provocando que nos anos 40 e ata o 55 sexan habituais os apagóns nos fogares españois. Nesta situación, o goberno franquista aposta por crear unha importante rede de novos encoros que garantan o abastecemento eléctrico preciso para o desenvolvemento industrial, evitando depender de enerxía foránea.

O encoro dos Peares inicia a súa construción en 1945, en 1952 comeza a encherse e en 1953 arranca a produción eléctrica, aínda que non se remata e inaugura ata 1955.
Nesa época era, con diferencia, o maior de Galicia. Ten unha parede de 94 metros de altura, embalsa 182 hm3 e a súa cola ten unha lonxitude duns 24 quilómetros, chegando ata a aldea de Belesar, onde poucos metros máis arriba atopamos o encoro do mesmo nome.

Debido á gran cantidade de traballadores necesarios para a construción e funcionamento do encoro, foi preciso traelos doutras poboacións. Para acollelos construíuse un poboado de 12 edificios nunha escarpada ladeira, tan só uns metros máis abaixo da parede do encoro.
Tiña todos os servizos necesarios, incluída una escola e unha capela. Cando deixou de ser de utilidade quedou abandonado durante décadas ata que foi rehabilitado a comezos do século XXI, sendo hoxe en día un Centro de Inmersión Lingüistica, onde numerosas persoas veñen a aprender inglés.
Fontes:
Turismo Ribeira Sacra - Presa de Peares
Wikipedia - Encoro dos Peares
O caché
Atópase nun treito da estrada N-120a (antiga N-120) desde o que podemos observar o muro da presa. Non hai moito sitio onde apartarse para aparcar o coche, pero o tráfico é escaso e non debería haber problema para recoller o caché con tranquilidade e rapidez.
Este caché forma parte da serie Encoros do Miño e do Sil e participa no Xeodesafío Anual 2026 - Agochar unha serie de 10 cachés.
