O encoro de Frieira comezou a construírse nos primeiros anos da década dos 60 e rematouse en 1970 sobre o río Miño. Divide os concellos de Padrenda, en Ourense, e Crecente, en Pontevedra. Trescentos metros máis abaixo da presa de Frieira, o río Miño separa tamén Galicia de Portugal.

O encoro aproveita as augas do río Miño e a importante achega do río Avia, que verte as súas augas uns quilómetros antes.
A presa da Frieira é o primeiro obstáculo infranqueable do curso principal do río Miño co que se atopan os peixes migratorios cando remontan desde o mar, restrinxindo o espazo das especies migradoras unicamente á subconca internacional do río Miño. En 2010 rematouse a construción dunha estación de captura de peixes na marxe dereita do río Miño. Conta cunha escala para o remonte dos peixes ata unha plataforma que os eleva a un nivel onde poden ser dirixidos a un tanque de poliéster, desde o que os peixes poden ser transportados mediante un vehículo.
A estrutura e a localización da presa da Frieira tamén imposibilitan o descenso dos peixes, agás que o fagan a través das turbinas, o que produce unha mortalidade significativa.

Fontes:
Galicia Máxica - Embalse de Frieira
Migra Miño - Coñecendo o encoro de Frieira
Turismo Rías Baixas - Embalse de A Frieira
O caché
Atópase no muro a uns 60 metros da zona de aparcadoiro que vos propoñemos. En Outubro 2026 o camiño está limpo e é transitable a pé.
Este caché forma parte da serie Encoros do Miño e do Sil e participa no Xeodesafío Anual 2026 - Agochar unha serie de 10 cachés.
