Os carpinteiros cos pés mollados – 6
Gamboa ou camboa. Esteiro, pequeno lago artificial que se forma na beira do mar e que se enche ao subir a marea, permanecendo seco ao baixar.
A camboa xeralmente está cercado cunha parede, cerca ou sebe e unha porta de madeira, que está pechada na marea alta polo que os peixes que penetraron alí permanecen na zona.
Esta construción, que agora se emprega de abrigo para as chalanas vellas, denomínase con unha fermosa verba galega de clara orixe prelatina (non é latina, non é xermánica), probablemente céltica, no tema indoeuropeo *(s)kamb- 'curvo', do que temos verbas como cambiar 'trocar', camba 'muíño de man; peza da roda do carro', cambo 'conxunto de peixes, roscas, enxertadas nun pau atado en se mesmo', cambón, camborto, cambota... e unha riquísima familia léxica baseada na idea do que esta torto, volta ou se revira, entroncada coas verbas célticas: antigo irlandés camb galés cam bretom kamm 'retorto'.
Esteiro, estaleiro e camboa están relacionados, un documento galego do s. X pon en relación un esteiro cunhas combonas ou pesqueiras, o que non resulta estraño si temos en conta que a etimoloxía de esteiro é o latín aestuarium, "esteiro, esteiro fluvial", lugar idóneo para a pesca. Con todo, existe outra palabra, STALARIUM, "vivario piscium", "palis in fluvio fixis ad sustinendum rete eisdem anexum in piscium capturam" = "criadeiro de peixes", "paus fixados no río para soster unha rede e os seus aparellos para a captura de peix3s", que tamén resulta compatible coa evolución actual e coa presenza no documento doutro tipo de pesqueira. Así, é posible que no documento se referise a unha empalada ou STA(L)ARIUM > ESTEIRO, homónimo do esteiro procedente do latín AESTUARIUM.
STALARIUM é a orixe, por outra banda, do substantivo estaleiro, que vén ser, polo menos os primitivos, unhas armazóns de paus onde se encaixaban as embarcacións varadas para que non escorasen durante a súa construción ou reparación. Desta forma o galego tería dous termos patrimoniais derivados de STALARIUM, un máis antigo, con perda de ele intervocálica (esteiro), e outro con conservación (estaleiro).
Fontes: Arqueotoponimia e Fror na area