As Xubias é un barrio de tradición mariñeira, coñecido polas barcas que cruzaban á praia de Santa Cristina, un servizo creado en 1491 e que estivo activo ata 1998 cando Luis e Eugenia, os últimos barqueiros, deixaron o negocio. O Rubio, Baltasar Piñeiro, Juan Lanas e Pepe Barreiro, son algúns dos barqueiros que quedan na memoria do barrio. Tamén Cañita Brava, quen amenizaba o traxecto cantando, tocando as tarrañolas ou recitando alineacións futbolísticas.
A historia das Xubias está marcada polas comunicacións. Nos mapas antigos aparece como A Pasaxe, xa que era o único paso da ría ata que en 1901 se abriu a ponte de ferro que quedou co tráfico e co nome. Por aquí entra a vía de tren que conectou a Coruña con Madrid en 1883, e por riba das Xubias pasa a N-VI. Esta estrada, aberta en 1953, foi ampliada a finais do século XX levándose por diante casas como o pazo dos Bermúdez de Castro.
Neste vídeo, rodado nos anos 20, pode verse a zona da costa de Oza e das Xubias. É de autor descoñecido e recolle o percorrido do tranvía de A Coruña a Sada.
O caché é un bote que debido ao seu pequeno tamaño tan só contén o logbook, polo que teredes que levar algo pra escribir. Atópase nas proximidades dos peiraos, baixo as vías do tren. Dende esta zona podes desfrutar dunha perfecta panorámica da Ría do Burgo e a praia de Santa Cristina.
